NOTA DE PRENSA ASEMBLEA FEBREIRO 2012

A Asociación de Veciños Daravelo, despois da celebración da súa asemblea anual o pasado sábado 4 de febreiro, quere poñer de manifesto as cuestións que foron levadas á asemblea por parte da directiva e dos veciños e que son considerados, a día de hoxe, os problemas pendentes e necesarios de resolver á maior brevidade posible. Por tratarse de asuntos que afectan a distintos organismos públicos queremos que sexan coñecidos por todos eles a través deste escrito e dos que a título individual serán enviados nestes días ás entidades competentes e responsables das nosas demandas.
Entre os asuntos de índole municipal queremos destacar cinco:
1.- A limpeza das fontes que hai na nosa parroquia e a reparación dos desperfectos que algunhas delas presentan por mor do abandono no seu mantemento que o Concello non soluciona: algunhas amosan atoramentos no sistema de desaugue que provoca inundacións de espazos colindantes, outras presentan falta de limpeza e desbroce das súas beiras, outras deterioros importantes nos elementos básicos que dificultan un uso axeitado das mesmas, etc.
2.- Reparación definitiva da curva da carpintería no camiño do Piñeiro, onde tamén é preciso actuar sobre as canalizacións de augas pluviais. Diversas obras tamén son requeridas na zona de Samperes para dar por rematadas as melloras que se iniciaron.
3.- Revisión do estado e corrección do retranqueo dos postes de alumeado na zona do Cunchido de Abaixo, onde non se descartan accidentes polo risco de caída dalgúns deles. No mesmo lugar sería preciso a poda severa dalgunhas árbores que están a dificultar o traballo e o paso dos camións do lixo.
4.- A necesidade de resolver o contencioso que está pendente pola instalación dunha antena de telefonía ilegal na zona de Liméns, dada a crecente preocupación de veciños e veciñas polo risco que poida entrañar a utilización de infraestructuras radioeléctricas de dudosa seguridade.
5.- Por último demándase do Concello a pronta e definitiva resolución que permita un acordo coa empresa encargada do mantemento da depuradora para finalizar dunha vez por todas coa situación de alegalidade na que os veciños nos atopamos na actualidade. Solicitamos un servizo axeitado ás infraestructuras que foron construídas no seu día, unha garantía de bo funcionamento, e unha normalización do proceso de cobro deste servizo que permita a todos os usuarios do mesmo volver a estar tranquilos sabendo que os pagos que fan son os correctos e non van ser perseguidos nin estar envoltos en procesos xudiciais que ninguén desexa.

No canto das demandas que corresponden a outras entidades supramunicipais, esta asociación súmase ás propostas da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) cara a defensa dos intereses sociais dos veciños e veciñas da nosa parroquia. Entre elas destacamos as seguintes:
1. Denuncia do crecemento sen control e a proliferación de estacións bases de telefonía móbil, sistemas wifi, wimax e outras infraestruturas de telecomunicacións que supuxeron un aumento da contaminación electromagnética.
2. Defensa da sanidade pública en contra do pago por calquera servizo prestado ás persoas hospitalizadas, pago por asistencia médica ou calquera outro servizo recibido dende a Sanidade Pública.
3. Solicitude do fin do monopolio da ITV para a empresa concesionaria, favorecendo que esta revisión sexa realizada nos talleres e concesionarios oficiais e se harmonice a tarificación con respecto ás autonomías limítrofes onde o prezo é case 7 € menor para vehículos de gasolina e 14 € nos diesel, sendo maior a diferencia nos vehículos industriais.
4. Tamén se demanda á administración xudicial que se manteñan ou melloren os recursos humanos dos que dispoñen os xulgados para os tramites pertinentes, así como o incremento dos recursos técnicos para manter unha mínima calidade no servicio aos cidadáns, así como a axilización dos pagos por expropiación.
5. Queremos ademais amosar o rexeitamento á suba de prezos superior ao 20 % nas escolas infantís e no servizo de comedor.
6. Reclamar que o servizo que presta a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos se manteña e non se vexa afectado por ningún tipo de recorte, nin de persoal nin dos medios loxísticos e informáticos oportunos.
7. Finalmente debemos esixirlle á administración o control das empresas subministradoras de enerxía para que se estableza un cobro por consumo real, que se beneficie no prezo da enerxía aos usuarios de autonomías produtoras de enerxía como é o caso de Galicia, a mellora dos servizos de atención ó cliente e a axilización das resolucións de reclamacións sobre o funcionamento do subministro.

Como se pode apreciar, son moitas as deficiencias que detectamos no desempeño das funcións que tanto o Concello como as restantes administracións teñen para con nós. Os veciños e veciñas de Darbo entendemos que hai moito por facer, e non cremos ser merecedores do trato marxinal que a nosa parroquia parece estar sufrindo, xa que o deterioro dos servizos básicos que corresponden a unha entidade como a nosa é, a todas luces, palpable. Agardamos que se teñan en conta as nosas demandas e que non caian, desta vez, no inmediato esquecemento.

Share and Enjoy:
  • Print
  • Digg
  • StumbleUpon
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Yahoo! Buzz
  • Twitter
  • Google Bookmarks