BREVE SEMBLANZA DAS DANZAS ANCESTRAIS

DANZA DE ALDÁN na honra de S. Sebastián

A preparación da festa corre a cargo do/a mordomo/a, persoa que se ofrece voluntaria (ao igual cós danzantes) para tal fin, normalmente por unha promesa feita ao santo e nomeada polo párroco. Este encargarase de buscar os danzantes, os gaiteiros; arranxar a igrexa. A primeiros de 1993, un grupo de persoas naturais da parroquia de Aldán, Cangas do Morrazo, reúnense en diferentes ocasións no Salón Parroquial, cunha finalidade específica: a conservación e promoción da tradicional DANZA DE ALDÁN, que anualmente se celebra o 20 de xaneiro na honra de San Sebastián. Froito desas reunións xurdiu a ASOCIACIÓN CULTURAL SAN SEBASTIÁN .


Para executar dito baile precísanse once homes (dez galáns e un guía, sen límite de idade) e cinco mulleres (as damas deben ser solteiras; ata 1968 aproximadamente este papel era desempeñado por mozos. Era obrigado un ensaio o día anterior á danza, pero actualmente realízanse tres ou catro antes do día 20.

A súa orixe , ao igual que o seu posterior desenvolvemento musical e de execución, está vencellada a dúas danzas de similares características do Morrazo –as de Darbo e O Hío na honra de Santa María (celebrada o 8 de setembro) e San Roque (16 de agosto) respectivamente–, ao Entroido de Cobres (Vilaboa) e a outras que se executaban nos barrios vigueses de Lavadores, San Roque, Castrelos e Candeán.
Todas as danzas mencionadas teñen un nexo común, presentan elementos similares como a música (a de Aldán é a mesma cá do Hío), vestimenta, coreografía e lugar de execución (pazos e igrexas). Nun principio deberon pertencer a un só rito e despois diversificáronse no momento en que cada parroquia contou cunha identidade propia.

Non é posible determinar con exactitude a antigüidade da danza de Aldán como tal (1), debido á carencia de  documentación explícita ao respecto. Nun documento de 8 de setembro de 1678 consta a constitución da “COFRADÍA DEL GLORIOSO SEÑOR S. SEBASTIÁN”, da que foi o seu primeiro mordomo Don Francisco de Gayoso y Aldao, Señor del Solar y Fortaleça de Aldao, sendo vicerrector da Igrexa Parroquial el Lizenciado Domingo de Gestido y Soto.
Non obstante temos constancia de que se bailaba con anterioridade a esta data xa que así aparece reflectido no mesmo texto. A mesma fonte contén ademais información valiosa sobre o funcionamento da confraría, estatutos, dereitos e deberes dos confrades…
A danza consta de dúas partes fundamentais: a primeira, a coñecida como danza, que se caracteriza por ter un ritmo máis lento e monótono; e a segunda, a contradanza, a ritmo de muiñeira, de máis rápida execución e máis curta en canto a duración. Todos os movementos e debuxos que conforman a danza parten da figura inicial: tres filas de cinco compoñentes cada unha, onde as damas ocupan o lugar central, e dúas filas de galáns nos laterais. Fronte a elas ubícase o guía principal, e, á súa dereita, os músicos: gaiteiro e tamborileiro. A música atópase recollida nunha das obras emblemáticas do folklore galego: o Cancionero gallego de Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, figuras  destacadas do panorama etnomusical español.

En canto á vestimenta o traxe denota a evolución sufrida pola danza co paso do tempo. O máis salientable é o das damas pois considérase que sufriu menos cambios, xa que se gardaba simplemente dun ano para outro. Componse basicamente de sombreiro de copa e de ala ancha de palla, adornado con flores de tea e cintas de cores; blusa, faldón e enaguas brancas adornados con puntilla; mantón de Manila, mandil de veludo negro, panos de cores vivas colgando a cada lado do faldón, zapatos negros pechados, medias marróns, numerosas xoias (colares, broches e pendentes  vistosos); o peiteado ao cadrelo (postizo na maioría dos casos).
O vestiario dos galáns cambiou máis segundo as modas. Consta de traxe e sombreiro negro (de ala ancha e ríxida), camisa branca, garabata gris e a banda coas cores propias do santo; acompáñanse de castañolas.
Por resolución da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 10 de xuño de 2005 – DOG do 08 de xullo – as tres danzas do Concello foron declaradas festa de Galicia de interese turístico na provincia de Pontevedra a Festa das Danzas Ancestrais de Cangas.

1 Cf. para estes breves apontamentos Veiga Iglesias, Paula. “La danza de Aldán: un estudio descriptivo y sociológico”. PONTEVEDRA, num. 22, 2009, p. 87-110.

DANZA DE SANTA MARÍA DE DARBO

A Danza de Santa María de Darbo ten a súa orixe aproximada no século XVI, tendo en conta a información que aparece en diferentes documentos históricos que reseñan distintos investigadores. Nace nunha data próxima á de San Sebastián de Aldán, coa que garda certas similitudes. Báilase o 8 de setembro, día grande da celebración da Romería de Nosa Señora de Darbo, diante da súa imaxe despois da misa maior.
O grupo de danzantes está integrado por dez galáns e cinco damas xunto cun guía, un tamborileiro e un gaiteiro.

Chama a atención a vistosidade dos traxes que visten tanto homes coma mulleres, destacando especialmente os sombreiros das damas confeccionados con flores naturais frescas que recollen e combinan na véspera do día da Danza. Os dos varóns son de fieltro negro e só o do guía leva unha longa pluma para indicar, precisamente, a súa responsabilidade no desenvolvemento axeitado do baile. Esta pluma tamén a leva a dama que é guía. Destaca como curioso no atuendo masculino a presenza de pendentes grandes e chamativos pendurados das orellas que indican as promesas que se facían para obter a graza da Nosa Señora. Hai quen atribúe este elemento ás épocas nas que as mulleres tiñan prohibido participar na danza e os homes usaban os colgantes para representar o papel delas. Era costume tamén o préstamo das xoias para ese día, e cóntase que os veciños cedían as mellores pezas de ouro que portaban os bailaríns nesa xornada, sendo dese xeito partícipes máis activos.
O traxe dos homes consiste nun chaleco, camisa branca e pantalón negro con zapatos da mesma cor. O guía leva unha banda de cachemir para diferenciarse. Portan ademais castañolas para acompañar ritmicamente distintas partes da peza musical. O traxe das damas consiste nunha blusa, enaguas e carpíns brancos, zapatos negros e mandil tamén negro adornado con pedrería. Por riba dos ombreiros, ao igual que o guía, tamén visten un cachemir dobrado en forma de pico. O baile consiste na realización de sete figuras, que son cambios de fileiras, volteos, caracol, rodas e corro xeral, e na contradanza dan unha volta para formar un círculo e voltar ás tres fileiras iniciais. Deste xeito rematan cunha volta ó redor de si mesmos, tal como comezaron.
Non parece haber grandes dúbidas respecto á súa orixe, parella ás das outras dúas danzas ancestrais do noso concello. A Danza de Santa María de Darbo vencéllase a unha mostra de agradecemento colectiva de carácter relixioso por ter intercedido Nosa Señora en favor dos parroquianos afectados ou preocupados pola extensión dos distintos episodios de “peste” que se deron neste entorno nos anos en que se data o seu nacemento. Mesmo hai opinións que engaden a posibilidade de que se bailase para agradecer á Virxe o ter librado a parroquia dos distintos asaltos piratas que adoitaban asolar as pequenas poboacións mariñeiras tamén nese tempo.
Houbo, á súa vez, unha época na que a danza se relaciona coa Granxa do Tobal, onde parece ser que se facían os ensaios, e onde os donos do pazo ofrecían pan e viño ós danzantes e ós músicos.
Na súa historia, a Danza tivo momentos de maior éxito e vixencia e tamén épocas escuras nas que circunstancias alleas condicionaron a súa existencia. Sen ir máis lonxe, nos anos trinta do século pasado a danza desapareceu, e foi xa despois de cincuenta anos, no 1986 cando a recuperación tivo lugar finalmente grazas ao grande esforzo feito por un grupo de veciños que sentían que era preciso poñer en valor algo tan noso. Adicáronse con tesón a investigar nos recordos dos máis vellos do lugar, mesmo en xente de fóra da comarca que viñera ver a Danza nalgún momento e recollera apuntamentos da súa estrutura e da vestimenta empregada. Paso a paso e grazas a esa memoria colectiva e a toda a documentación conservada con relación a esta danza e ás demais do Morrazo, tense conseguido devolverlle todo o seu esplendor e maxestuosidade. Que perdure depende de tódolos veciños e veciñas que saiban apreciar este patrimonio inmaterial, que o saiban transmitir e que axuden á súa conservación e difusión.

DANZA DO HÍO na honra de S. Roque

“Que San Roque nos libre de enfermidades, epidemias e contaxios do corpo e da alma”.

Avogado das pestes e epidemias, este santo de procedencia francesa e berce aristócrata naceu ás portas do século XIV na localidade mediterránea de Montpellier, e a súa figura preside un rincón reservado no altar maior da igrexa do Hío. É o protagonista da danza ancestral de San Roque que se baila cada 16 de agosto no adro da parroquia canguesa. A súa beleza está recoñecida por máis de catro séculos de historia e polas institucións ó declarala recentemente de interese turístico galego.
Roque, que foi probablemente o seu apelido, viviu arredor de 1300 entre abundancias até a morte dos seus pais cando, despois dun arranque de altruísmo, decidiu ter a ben a máxima de “dá os teus bens ós pobres e así terás un tesouro nos ceos”. O seu século, o XIV, foi un dos máis dramáticos na nova historia europea. No medio dun continente ateigado de guerras, cismas e da peste negra -ou “morte negra”- Roque visitaba cidades apestadas e curaba, milagrosamente, a enfermidade que reduciu á metade a pobación de Europa.

Cangas tamén sufriu o azoute das enfermidades masivas, reducidas ó nome de “peste”, o que a fixo pechar as súas murallas medievais -unha das portas estaba na actual rúa do Arco- á entrada de foráneos para evitar maiores propagacións. A parroquia do Hío tamén puido ter episodios epidémicos, se ben non hai fonte documental algunha que fixera ós cidadáns crear unha cerimonia para agradecer favores ao “Santo dos apestados” ou para pedir protección para un mal sen cura. Foi, se cadra, o inicio dunha danza xa ancestral que congrega cada ano a veciños e visitantes na parroquia canguesa.

A danza de San Roque do Hío é inusual no vestiario e nas formas. Cunha pasividade case cerimonial nos pasos, cinco damas e once galáns pasean a ritmo de gaita e tamboril sobre as pedras do adro. As damas visten ó xeito dos antigos peregrinos: saión con capela, sombreiro de á erguida e pequena vara testemuñal co cabazo. Os once galáns, dez que “pasean” ás damas e o guía, visten pantalón e camisa brancos, chaqueta e sombreiro azuis e unha gravata verde. Chama á atención, ademais da cuncha de vieira en tódolos sombreiros e nos pasadores das gravatas, que as vestiduras son excepcionalmente luxosas: veludo, sombreiros, detalles dourados e cunchas de prata eran o testemuño de familias poderosas ou organizacións de gran poder económico e social.

A escenificación íntegra das partes da danza ten unha duración aproximada duns vinte minutos. Os galáns son os encargados de arrodear os pequenos mozos, -que fan o papel das damas ante o impedimento que apartaba ás mulleres de calquera evento público como as danzas ou a farándula- desfacendo filas e levando, por parellas, a cadanseu peregrino por entre as demais ringleiras da escenografía.

Share and Enjoy:
  • Print
  • Digg
  • StumbleUpon
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Yahoo! Buzz
  • Twitter
  • Google Bookmarks