XVI PREMIO AGRADECEMENTO DARAVELO 2015 – Ó EMPRESARIO CONSERVEIRO MANUEL LAGO PAGANINI

A INDUSTRIA CONSERVEIRA EN CANGAS

A nosa vila nace do mar. Os primeiros asentamentos a pé da costa están estreitamente vencellados ós labores de pesca. Máis adiante, a evolución natural dos procesos produtivos provoca que o salgado pase a ser a primitiva maneira de conservar, e polo tanto, de poder exportar fóra da beira do mar, os produtos pesqueiros.

Daquela, a oscilación dos prezos do sal ou do número de capturas no mar fai que esteamos a falar de bos ou malos momentos para Cangas. A riqueza e a pobreza tamén veñen do mar neste tempo.

A conserva de peixe en latas, tal como a coñecemos hoxe, non chega ó noso contorno ata finais do século XIX, da man de entusiastas empresarios chegados de fóra de Galicia que localizan entre nós as primitivas factorías de conserva das que estamos a falar. A esterilización do peixe e o envase que o contén permiten a súa conservación case indefinida. A tecnoloxía neste caso vén de Francia, onde levaban anos aplicándoa na súa industria, o que significa que a Galicia incorpóranse xa os últimos avances neste eido, o que mellora significativamente o rendemento e aumenta a rendibilidade destes procesos. Nesa época abundaba a sardiña nas nosas augas, e, tras dela, melloraron moito as condicións de vida dos cangueses e canguesas. Non podemos esquecer que a man de obra precisa para a industria conserveira non entendía de discriminación laboral por sexos, cando menos no relativo ó número de operarios que nela traballaron.

Na última década do s. XIX conviven as fábricas de salgado e da conserva. A tradición das antigas manufacturas de salgado vai dando paso, co novo século, ás conserveiras, que se converten no primeiro sector industrial capitalista das Rías Baixas, por mor da desaparición da sardiña nas costas de Bretaña, que era, naquela altura, a primeira potencia mundial.

En Cangas, a primeira fábrica conserveira aparece en 1891 en Balea, fundada por Darío Lameiro, sendo primeiro unha fábrica salgadeira e logo conserveira. Na seguinte década van desaparecendo as salgadeiras, facéndose unicamente fábricas conserveiras e o seu número vai medrando co paso dos anos, ata chegar a 25 en 1941. Industriais autóctonos conviven con apelidos foráneos, como Paganini. Entre a Congorza e Rodeira, a paisaxe da costa canguesa ínzase de factorías conserveiras que protagonizan o despegue industrial da vila, empregando moita man de obra, mulleres a maioría, e utilizando técnicas de produción modernas.

A nova industria desenvolveu ao seu carón unha chea de sectores auxiliares: serradoiros, fábricas de envases de folla de lata, de cordas, maquinaria de fabricación, litografía, fábricas de xeo, de cordas. Os mariñeiros e campesiños comezan a ver aumentados os seus ingresos por mor das novas actividades industriais.

OS COMEZOS DUNHA LONGA TRADICIÓN FAMILIAR

Manuel Lago Paganini, fillo de Cornelia Paganini Montemerlo e de Manuel Lago Bastos, e irmán menor de Marta e Concha, naceu o primeiro de xaneiro do ano 1943 no número 25 da rúa Montero Ríos de Cangas, no primeiro piso da tenda Ultramarinos Casa Lago, rexentada polo seu pai.

A súa familia materna, provinte da cidade italiana de Xénova, instalouse en Cangas a principios do século XX. Pero foi no Salgueirón onde o seu avó, Guido Paganini, estableceu a súa primeira fábrica de salgadura. Cara a 1915, o seu tío avó Pietro Montemerlo fundou «Salazones Montemerlo» nunha nave do peirao de Ojea.

Así pois, Manuel Lago viviu dende neno o mundo da conserva moi de preto, e non só a de peixe, na súa casa tamén se conservaban setas en adobo!

Estudou no colexio dos Xesuítas de Vigo e nos Salesianos de A Coruña, e moi pronto despuntou na que sería a súa grande afección: o fútbol.

A finais dos anos cincuenta empezou a estudar a carreira de Enxeñería Técnica Industrial en Vigo, que resultou interrompida polo seu entusiasmo polo mundo do fútbol. Formou parte dos equipos do Alondras e do Deportivo, viaxou para probar sorte co FC Barcelona, e participou na selección de fútbol de Galicia no ano 1960. As importantes lesións de xeonllo que sufriu obrigárono a abandonar o deporte e, a partir de entón, dedicouse por completo á fábrica familiar. Nos seus primeiros anos aprendeu o oficio conserveiro da man do seu pai e dos seus tíos Antonio Paganini e José Lago, pero pronto se profesionalizou cos avatares do día a día e co seu rigoroso traballo.

En 1968 casou con Montse Yebra Puig, curiosamente tamén vencellada ao mundo da conserva, e coa que ten catro fillos: Montse, Sandra, Paula e Manuel.

Nos anos setenta e oitenta, Lago Paganini elaboraba conservas de mexillón, xoubas e sardiña das Rías Galegas.  O cadro de persoal contaba con arredor de corenta persoas por aquel entón.

Un punto de inflexión na súa traxectoria foi o accidente ocasionado pola explosión da caldeira en 1986. A partires dese momento e a pesares da crise sufrida pola industria conserveira, investiu na incorporación de nova maquinaria e grazas a isto foi aumentando a produción, sen perder a súa orixe artesanal. Pasouse do envasado de 15.000 a 30.000 latas diarias. Tamén aumentou o persoal, ata chegar a ter aproximadamente cen empregados, e comezouse a distribuír a marca “Balea”, de xouba e mexillón.

Na madrugada do 18 de decembro de 2011 un incendio arrasou as instalacións do peirao de Ojea. Nun tempo récord e tras uns meses durísimos, Lago Paganini, traballador incansable, levantou unha nova fábrica, e la conserveira retomou  a súa actividade na nova localización no Alto da Portela.

Hoxe en día fabrícanse de maneira artesanal arredor de 50.000 latas diarias, e as marcas Balea e Lago Paganini comercialízanse en toda Europa con grande éxito de crítica.

Por toda esta longa e fecunda traxectoria persoal e profesional, onde destacou como referente de innovación, e polo seu compromiso co contorno social, cultural e empresarial, esta Asociación de Veciños Daravelo de Darbo considérao merecedor deste XVI Premio Agradecemento 2015.

Parabéns polo éxito acadado no seu longo camiño e desexamos que continúe a ser exemplo de adicación e desempeño nobre da iniciativa empresarial na nosa vila no futuro.

Share and Enjoy:
  • Print
  • Digg
  • StumbleUpon
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Yahoo! Buzz
  • Twitter
  • Google Bookmarks